gdr terras do deza

COORDENADAS OFICINA GDR TERRAS DO DEZA
Coordenadas Xeódesicas
X:569772.8351609055 - Y:4725294.7172582615
Coordenadas Xeográficas:
42°40'30.05" N - 8°08'59.43" O

Asoc. de Desenvolvemento Rural Terras do Deza
Rúa E, Pg.l.Lalín 2000
36500 Lalín - Pontevedra
Tel.-Fax +34 986 794 463 / 647 497 426
info@gdrterrasdodeza.com

RECURSOS PATRIMONIAIS SILLEDA

Arquitectura Civil:

No que fai á arquitectura civil do municipio, cómpre destacar, os castros de Toiriz e "A Copa do Castro" perfectamente habilitados para a súa visita. Polo seu valor histórico e o seu emprazamento na confluencia do Deza e o Ulla, mencionar as ruínas do castelo de Cira (S. XI), escenario de importantes batallas. Destacar tamén a Ponte Taboada , entre Silleda e Lalín, cunha inscrición gravada en rocha que data do ano 912 que referencia a súa antigüidade, así como a ponte vella de Chapa, situado na mesma Vía da Prata, o "Ponte Carboeiro", próximo ao mosteiro do mesmo nome e con similar antigüidade.

A gran cantidade de pazos, casas grandes e casas reitorais de interese, o as igrexas que posúe Silleda, confírenlle certa singularidade no contexto galego polo seu elevado número: especial relevancia teñen os pazos de Cascaxide, Trasfontao, Paizás, A Viña e Sestelo.

• Pazo de Cascaxide S. XVII: Ten Planta rectangular, baixo e piso. Salvando o desnivel do terreo, conta cun piso máis con arcadas nunha das frontes, torre de catro plantas e con balcóns de balaustrada que sobresaen da fachada. A fachada principal ten porta adintelada, un gran escudo e gárgolas. Conserva especial importancia o bosque que o rodea e que pertence tamén ao pazo.

• Pazo de Trasfontao S. XVIII: É un recinto amurallado que inclúe as dependencias do pazo. A casa ten planta en L con entrada por un pequeno patio con arcada de arcos rebaixados e escaleira a un lado. Ventás recercadas de molduras chás e conta ademais con dúas chemineas. Adosada á casa, está unha capela cun escudo do Montenegro. Entre as dependencias atópase un hórreo e un pombal circular.

Arquitectura Relixiosa:

A arquitectura relixiosa conta con numerosos exemplos, fundamentalmente arte románico, con influencias de escola tipicamente comarcal. Entre a abundancia de edificios atópase o Mosteiro de Carboeiro (S. XII) en Silleda. Situado nun inmellorable emprazamento, as beiras do Deza; San Lorenzo de Carboeiro, foi fundado en 936 polos Condes de Deza. Construído por discípulos do Mestre Mateo, artífice do Pórtico da Gloria, está considerado a xoia do románico oxival galego. Os restos de dependencias monacais foron abandonados cara ao século XV.
Na actualidade o mosteiro conserva a igrexa románica e partes do cenobio beneditino. O templo, edificouse cara a 1171 e foi restaurado recentemente. Nos meses de xullo, agosto e setembro conta cun guía turístico para mostralo aos visitantes. Durante o resto do ano un operario do concello manteno aberto ao público de mañá e tarde en horarios máis reducidos.

De estilo románico cómpre destacar tamén a Igrexa de San Pedro de Ansemil, igrexa monacal prerománica que pertenceu ao convento de monxas beneditinas de San Pedro de Ansemil, que xa existía no ano 1087. Adosada a ela érguese unha capela gótica do século XIV. Conta ademais cun sepulcro con data de 1341 que garda os restos do famoso cabaleiro Diego Gómez de Deza.