gdr terras do deza

COORDENADAS OFICINA GDR TERRAS DO DEZA
Coordenadas Xeódesicas
X:569772.8351609055 - Y:4725294.7172582615
Coordenadas Xeográficas:
42°40'30.05" N - 8°08'59.43" O

Asoc. de Desenvolvemento Rural Terras do Deza
Rúa E, Pg.l.Lalín 2000
36500 Lalín - Pontevedra
Tel.-Fax +34 986 794 463 / 647 497 426
info@gdrterrasdodeza.com

RECURSOS PATRIMONIAIS LALÍN

Arquitectura Civil:

• Pazo de Liñares S. XVII: Declarado pola Xunta de Galicia como Ben de Interese Cultural coa categoría de monumento. Esta casa señorial foi construída na segunda metade do século XVII por Don Álvaro Núñez Taboada. Posúe varios escudos coas armas dos Taboada, os Nuñez, Lemos e Churruchaos. O edificio é de dúas naves de baixo e planta cada unha. Construído con cadeirado granítica. Posúe ventás grandes de tamaño variado. Conta con dúas grandes chemineas e escalinatas de acceso. No seu interior atesoura grandes salóns e unha cociña "lareira".

• Pazo de Bendoiro S. XVI: Recuperado actualmente para o turismo rural, o pazo conformaba unha impresionante edificación amurallada, cun gran patio interior e solaina. No escudo oval que preside a entrada principal, figuran as armas dos Taboada, Arias, Camba, López de Lemos, e Churruchaos. Entre os vínculos nobres, cómpre destacar que no pazo naceu a que foi esposa do primeiro Conde de Fontao, Moscoso de Altamira, home prominente, que foi presidente do Senado e ministro da Gobernación con Isabel II.

• Pazo de Des S. XV: É o mellor conservado do municipio, ocupa unha superficie de 1.000 metros cadrados. No conxunto arquitectónico destaca o edificio central de 3 corpos de corte neoclásico. O mandou construír Francisco Gil Taboada, Vicerrei do Perú e Director Xeral da Armada.

• Pazo de Anzuxao (S. XVIII) na parroquia de Madriñán.

Arquitectura Relixiosa:

• Igrexa de San Martiño de Lalín de Arriba: Igrexa románica do século XII. Son románicas a ábsida, modificada ao engadirlle a sancristía e a portada abucinada. A planta é rectangular cunha única nave en que hai ventás abucinadas a cada lado. O arco triunfal é de medio punto, cun lixeiro peralte e pechado no arranque sobre columnas arrimadas de fuste groso e barras con parras. O campanario está formado cun arco de medio punto sobre pilastras, debaixo dun tímpano triangular coroado cun Agnus Dei.

• Igrexa de San Miguel de Goiás: Igrexa románica do século XII. Destaca na súa fachada dous arcos cegos. A ábsida é semicircular e está ampliada. As ventás con arcos exteriores sobre columnas, o arco triunfal e os capiteis tamén son orixinais. Posúe unha única nave con capelas arrimadas no cabezal de forma rectangular. Destaca tamén na fachada principal o campanario de dobre arco cun balcón sobre a fachada e termina con pináculos. Na capela renacentista dos Salgado-Gundín hai varios enterramentos dos García-Sánchez e entre eles un cunha estatua dun crego daquela liñaxe, as súas armas están esculpidas no escudo exterior. Tamén está o escudo do Quiroga na capela lateral oposto, onde estaba antes o sepulcro con estatua xacente que foi trasladado á nave central.

• Santuario do Corpiño: Situado na Parroquia de Losón, este gran santuario mariano, un dos máis antigos e concorridos da Galicia de interior, ergue aquí seu mole neoclásica. Construído ao longo do Século XVIII sobre o terreo da antiga capela das Aparicións. A sancristía, a capela maior e o camarín da Virxe foron construídos en 1746, a cúpula en 1768 e as capelas laterais en 1790. En 1867 remodelouse o conxunto coa construción da fachada posterior e en 1900 terminouse o adro. Destacan as súas esquinas coas columnas e a gran cornixa que termina o arranque de dúas torres. O campanario de dobre corpo. Tamén destaca o seu gran ciborio na nave central coa lanterna sobre a cúpula.

Como observación, dicir que o Santuario se ergue sobre un podio de pedra.

• Igrexa Parroquial de Santa María de Albarellos: Situada á esquerda da estrada C-533 de Lalín a Monforte, á entrada do núcleo de Albarellos. É unha igrexa sinxela dedicada a Santa María que presidía a casa fidalga dos Salgado-Gundín (Casa de Albarellos). Igrexa dunha única nave en que destaca a súa fachada de cantería concertada terminada cun campanario de dobre arco acabado con pináculos. Os laterais e o cabezal están revogados ao exterior e destaca así mesmo o gran volume do cabezal.

• Igrexa Parroquial de Donramiro: A súa primeira construción comeza a mediados do Século XII ,porén foi remodelada en 1654. Conserva parte da nave, a fachada e a porta principal, unha ventá abucinada e un precioso campanario entre outros elementos orixinais románicos. Na portada obsérvanse dous pares de columnas, con dobre arquivolta dórica e un tímpano ornamentado. Sobre os dous arcos hai un frontón triangular terminado cunha cruz celta. Resulta curioso ver como os capiteis foron substituídos por bases investidas doutras columnas. O campanario é de dobre arco.